Vilarmaior é un concello pequeniño, vizoso en paisaxes e ríos, de poboación dispersa. Prototipo das terras do interior da Coruña, por aquí cruzaba o vello camiño a Santiago, e aquí realízase a feira das flores (o 3º domingo de maio no Trece), única na contorna.
O curso dos ríos Lambre e Baxoi, que limitan o concello, deixan nel ribeiras de mesta vexetación, prados e un ronsel de recantos agradables para o lecer. Neles, e nos seus afluentes, abrochan aquí e acolá muíños, pontes, machucos, entre os que recomendamos os que descansan nas augas do Andoriña.